Wednesday 15 de May de 2024

Cambre convoca a XXXI edición do Certame de Pintura


O primeiro premio está dotado con 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e dous accésit

Cultura convoca o XXXI Certame de Pintura de Cambre, dotado con 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e dous accésit. Poderán concorrer os artistas de calquera nacionalidade residentes en España, que así o acrediten, cun máximo de dúas obras. Non poderán acceder ao primeiro e segundo premio aqueles artistas que xa fosen galardoados con estas distincións nalgunha das dez edicións anteriores.
A recepción das obras será do 28 de outubro ao 11 de novembro. O concelleiro de Cultura, Ramón Boga, asegura que é unha oportunidade para os artistas da comarca de dar a coñecer as súas obras, aínda que, doutra banda, trátase dun concurso internacional do que saíron importantes artistas foráneos.
Boga avanza que o concurso sufrirá cambios en 2016. Nestes momentos estúdanse varias modificacións para o ano que vén co obxectivo de potenciar o Certame. “Creo que podemos mellorar o concurso pictórico, o que xa é seguro é o cambio de datas, posto que a entrega de premios leva a cabo en pleno Nadal e cremos que é máis adecuado outra época do ano”, apuntou o edil. As obras que se presenten deberán ser únicas, orixinais e non premiadas noutro certame e pódense presentar obras sobre calquera tipo de material a excepción do vidro, con tema e técnica libre, sen enmarcar ou enmarcadas cun listón. No dorso de cada obra deberá figurar: título, medidas, prezo de venda ao público, nome e apelidos do autor e pseudónimo, se o ten. Achegarán unha fotocopia do DNI ou documentación que o acredite como residente, breve currículo do autor, xunto coa ficha de participación debidamente cuberta e unha foto a cor de cada cadro presentado. Esta documentación pasará a formar parte do Patrimonio do Concello de Cambre. 4.
A recepción das obras será do 28 de outubro ao 11 de novembro en horario de 10:00 a 13:30 horas os días laborables e sábados de 10:00 a 14:00 horas. Remitiranse á Casa da Cultura Vila Concepción, praza. Vila Concepción, nº 1, O Amorne, 15679 CAMBRE (A Coruña).Teléfono: 981 613 193 (Concellería de Cultura e Tradicións Populares). Correo electrónico: areacultura@cambre.org/ info@certamepinturacambre.org. A entrega de premios terá lugar o día 11 de decembro, na Casa da Cultura Vila Concepción, quedando as obras seleccionadas expostas desde ese día ata o 31 de xaneiro de 2016. Os gañadores do primeiro e segundo premio, terán a obrigación de asistir ao acto de entrega de galardóns. O custo de desprazamento e aloxamento correrán a cargo da organización.